LACTACIÓN MATERNA E GRIPE A H1N1

Información obtida do Documento da Academia de Mediciña da Lactación (Academy of Breastfeeding Medicine) do 7 de maio de 2009 sobre lactación e gripe.

Os nenos que non son aleitados teñen significativamente máis probabilidade de ser hospitalizados cunha infección respiratoria severa. A lactación materna exclusiva ata os 6 meses de idade proporciona unha óptima protección, e recoméndase prolongala máis aló dos dous anos.
Se se sospeita que unha nai que está a aleitar pode ter o virus da gripe A H1N1 ou estivo exposta a un posible contaxio que xustifica a profilaxe, debería continuar aleitando.
Se se sospeita que un lactante aleitado está infectado pola gripe H1N1, debería continuar sendo aleitado.
Parece que a diseminación deste particular virus pode ter lugar de 24 a 48 horas antes do comenzo dos síntomas.
A lactación mixta (leite materno xunto con outros líquidos ou alimentos) continúa proporcionando algunha protección. A nai que alimenta de forma mixta pode que desexe aumentar a cantidade de leite materno que ofrece ao seu bebé.
Se o lactante ten dificultade para mamar directamente, pode proporcionarlle o leite materno extraido manualmente ou con sacaleites.

Os tratamentos da nai (tanto os antivirais, como os sintomáticos e a vacina) son compatibles coa lactación dos RN sans a termo.

Poden atoparse fontes fiables de información sobre a seguridade dos fármacos durante a lactación en www.e-lactancia.org ou na base de datos LACTMED da web de NIH TOXNET en http://toxnet.nlm.nih.gov/cgibin/sis/htmlgen?LACT e no libro Medication and Mother ' s Milk de Tom Hale (2008, 13ª edición, Hale Publishing, http://www.ibreastfeeding.com/).

MEDIDAS XERAIS

Dado que a gripe se propaga a través das secrecións respiratorias é moi importante recomendar:

  • Que exista arredor do neno unha hixiene axeitada e un frecuente lavado de mans.
  • Ante a sospeita de que a nai está infectada, o uso da máscara pode axudar a reducir a propagación da infección aos demais, incluído o lactante.
  • Para diminuír o potencial risco de exposición dos lactantes á gripe en xeral, debe evitarse que outros toquen ou biquen o bebé e limitar desprazamentos a lugares con aglomeracións, especialmente se se detectou a presenza do virus na devandita área.
  • Esterilizar os chupetes ou xoguetes que están potencialmente contaminados por contactos sintomáticos.